Search
Close this search box.

Desenvolvemento Psicolóxico e Educación

O equipo de investigación Desenvolvemento psicolóxico e educación está especializado nas áreas temáticas de desenvolvemento cognitivo, socioafectivo e de aprendizaxe escolar. A súa experiencia investigadora pode constatarse a través da súa produción científica, ao dispor de numerosos artigos publicados en revistas indexadas en JCR e SJR, varios libros e capítulos de libros e diversas contribucións a congresos nacionais e internacionais do seu ámbito de coñecemento.

Principais áreas de investigación

  • Estilos cognitivos, procesamento da información e rendemento escolar.
  • Apoio social percibido e axuste académico.
  • Apoio social e aprendizaxe autorregulada.
  • Autorregulación e éxito académico.

O equipo de investigación iniciou a súa andadura centrándose na influencia dos estilos cognitivos no procesamento da información e o rendemento escolar. As derivacións desta liña levaron a formular diferentes interrogantes que dirixiron a traxectoria do equipo cara ó progreso no coñecemento das interconexións entre distintas dimensións de estilos de aprendizaxe, aprendizaxe autorregulada, axuste académico e apoio social percibido. Interésanlle en particular ao equipo a adolescencia e a adultez emerxente, como etapas vitais eminentemente transicionais.

Liñas actuais de investigación

Entre as liñas de investigación actuais do grupo atópase o proxecto “Apoio social, autorregulación e axuste académico”, que ten como obxectivo analizar a relación entre o apoio social percibido e a aprendizaxe autorregulada, así como avaliar os efectos destas dimensións sobre o axuste académico e psicosocial no contexto escolar.

Ademais de aportar datos e elaboracións teóricas sobre este tema, o equipo pretende contribuír ó deseño e posta en marcha de accións de asesoramento e orientación psicolóxica no eido educativo.