Unidade de Investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento.
- FACULTADE DE PSICOLOXÍA Universidade de Santiago de Compostela (USC)
- Campus Universitario Sur, s/n.
- 15782 Santiago de Compostela, España.
Esta liña de traballo xorde co obxectivo de contribuír ao crecemento do Proxecto ELISA, cun enfoque específico no procesamento, expresión e recoñecemento emocional.
A información recollida a través do Proxecto ELISA revela a importancia das emocións no desenvolvemento saudable dos nenos e nenas, coincidindo coa evidencia científica xerada a nivel internacional sobre o papel do procesamento e identificación das emocións como base dos procesos de xestión e regulación emocional.
A raíz disto, nace o proxecto Elisa Socioemocional, no que se incorporan os nenos e nenas como protagonistas do proceso de avaliación co fin de afondar no desenvolvemento de distintas habilidades socioemocionais, así como o impacto que poden ter no seu axuste futuro.
Coñecer como os nenos e nenas expresan, procesan e recoñecen as emocións.
A avaliación das habilidades socioemocionais realízase nos propios centros educativos, nos que os nenos/as, de forma individual, levan a cabo as seguintes tarefas:
Expresión emocional a través da linguaxe natural: Preséntanse unha serie de láminas que representan distintas historias; a tarefa consiste en narrar coas súas propias palabras o que está a suceder, imaxinando un final para cada historia, como se fosen os protagonistas das mesmas.
Recoñecemento emocional: Identificar a emoción expresada (alegría, tristeza, medo, enfado ou neutral) nunha serie de rostros presentados nunha pantalla.
Procesamento emocional e resposta empática: Visionado pasivo dunha serie de escenas das películas O Rei León e Aladdin. Ao remate de cada escena, os participantes deben indicar como se sentiu o protagonista e como se sentiron eles mesmos. Esta tarefa compleméntase co visionado dunha serie de imaxes de contido emocional.
Con esta información esperamos avanzar no coñecemento do desenvolvemento infanto-xuvenil atendendo a un compoñente clave do mesmo, como é o desenvolvemento socioemocional, así como o seu impacto no axuste condutual, emocional e psicosocial da nosa mocidade.
Esta investigación desenvólvese en colaboración co Developmental Psychopathology Lab (https://www.dplab-ucy.com/) da Universidade de Chipre, que conta cunha ampla experiencia na avaliación do procesamento e recoñecemento das emocións en nenos/as e adolescentes. Do mesmo xeito, a avaliación da expresión emocional a través da linguaxe natural realízase en colaboración co Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo.
Para máis información:
Se queres contactar connosco fai clic na seguinte ligazón:
Unidade de Investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento.