Search
Close this search box.

Estudio lonxitudinal ARASAC

Estudio lonxitudinal ARASAC

O proxecto de investigación lonxitudinal “Factores asociados ao axuste académico en adolescentes: o papel do apoio social percibido e a autorregulación da aprendizaxe” (ARASAC) (Proxecto PID2021-126981OB-I00, financiado por MCIN/ AEI /10.13039/501100011033/ e por FEDER Unha maneira de facer Europa) ten como obxectivo central avanzar na comprensión das interconexións entre o apoio social percibido (ASP), a aprendizaxe autorregulada (AAR), e o axuste académico (rendemento e persistencia/abandono escolar) e psicosocial (autoestima, satisfacción coa vida, dificultades comportamentais e emocionais) durante a adolescencia. O entorno escolar resulta especialmente propicio para examinar ditas interconexións, pola súa relevancia para a identidade e o desenvolvemento vocacional do adolescente. Delimitar perfís de risco para o fracaso e o abandono escolar é outra das nosas aspiracións.

Esperamos poder sentar as bases para perfilar pautas e programas de intervención dirixidos a favorecer o axuste dos/as adolescentes inmersos no sistema educativo, dotándoos de competencias para responder ás crecentes demandas formativas da denominada “sociedade do coñecemento e a aprendizaxe continua”, e contribuíndo a paliar as dificultades que puidesen entorpecer o seu desenvolvemento vocacional e integración social.

Obxectivos específicos

  • Explorar a evolución do ASP, a AAR e a prevalencia de conductas de risco ao longo da adolescencia.
  • Examinar a magnitude e direccionalidade das relacións entre o ASP, a AAR e o axuste académico e psicosocial ao longo da Educación Secundaria Obrigatoria.
  • Determinar en que medida o ASP, a AAR e certas conductas de risco contribúen á configuración de perfís heteroxéneos de progreso académico e axuste na adolescencia.

Mostra de estudo

O presente proxecto de investigación é un estudo lonxitudinal a tres anos que comprenderá seis momentos de recollida de datos diferentes (dous por ano). No curso académico 2022-2023, espérase poder recrutar a 2000 estudantes, matriculados de 1º a 4º da ESO. No curso académico 2024-2025 prevese dispor dunha mostra de seguimento de aproximadamente 800 estudantes, dos cales en torno a 300 cóntase que estean cursando 3º e 4º da ESO.

Documentos de interese

Síguenos