Search
Close this search box.

IDHC

IDHC

Inventario de desenvolvemento das habilidades comunicativas

O IDHC (Inventario do Desenvolvemento de Habilidades Comunicativas) é a versión galega do Inventario de Desenvolvemento Comunicativo (Mac Arthur-Bates). O devandito instrumento posúe a forma dun listado de palabras, frases e accións representativas das primeiras condutas comunicativas e lingüísticas de nenos de entre 8 e 30 meses de idade. Ao igual que a súa forma orixinal, foi deseñado para ser cuberto polos pais, permitíndonos obter unha medida rápida e eficaz das habilidades comunicativas e lingüísticas temperás de bebés e nenos pequenos. A estas idades os pais son excelentes informantes das competencias dos seus fillos.

IDHC Palabras e xestos

O IDHC galego consta de dúas formas: a primeira, “Palabras e Xestos”, dirixida a nenos de entre 8 e 15 meses de idade. Avalía a capacidade inicial de resposta á linguaxe, a comprensión de frases en contexto, e a comprensión e produción do primeiro vocabulario infantil, xunto á habilidade para producir xestos comunicativos, participar en situacións de intercambio social, así como o desenvolvemento do xogo simbólico. Estes últimos comportamentos polo xeral preceden á linguaxe ou son contemporáneos ás súas primeiras manifestacións, razón pola cal se considera que constitúen antecedentes importantes para estimar a evolución lingüística posterior.

Palabras e oracións

A segunda forma, “Palabras e Oracións”, dirixida a nenos de 16 a 30 meses, avalía a cantidade e o tipo de palabras producidas polos nenos desas idades, así como tamén os principais progresos que caracterizan o desenvolvemento gramatical inicial: o uso dos primeiros morfemas, a capacidade do neno para combinar palabras, así como a lonxitude e complexidade das súas primeiras frases. Diversas investigacións, e entre elas as realizadas polo noso propio grupo de investigación, puideron constatar a importancia de coñecer a evolución destas capacidades durante a primeira infancia, xa que son interesantes indicadores do desenvolvemento lingüístico durante os anos preescolares, así coma doutras habilidades relacionadas.

Aplicación

O IDHC constitúe unha poderosa ferramenta de avaliación, apropiada para a súa aplicación tanto en ámbitos clínicos como educativos. Recentemente, elaboramos ademais unha versión abreviada, especialmente axeitada para unha primeira aproximación ao desenvolvemento lingüístico infantil en centros de saúde e gardarías, entre outros.

Se vostede é profesional do ámbito clínico, educativo ou sanitario, e desexa máis información sobre o IDHC, pode poñerse en contacto connosco.

Se vostede é nai ou pai dun neno/a entre 8 e 30 meses, e desexa coñecer o estado do desenvolvemento lingüístico e comunicativo do seu fillo/a, invitámolo a e cubrir en liña o IDHC correspondente á súa idade. Pode facelo no seguinte enderezo electrónico: