Unidade de Investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento.

- FACULTADE DE PSICOLOXÍA Universidade de Santiago de Compostela (USC)
- Campus Universitario Sur, s/n.
- 15782 Santiago de Compostela, España.
O proxecto ELISA – Estudo Lonxitudinal para unha Infancia Saudable é unha investigación financiada polo Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación orientada a los Retos de la Sociedad (Referencia: COLEHEM – PID2019-107897RB-I00, e previamente PSI2015-65766-R).
O proxecto ELISA céntrase no estudo da evolución e os mecanismos etiolóxicos que dan lugar á heteroxeneidade dos problemas de conduta de inicio temperá. O estudo empezou en 2016 coa participación de máis de 2500 familias e 300 mestras de 76 centros escolares de Galicia. Grazas á súa implicación, completouse un seguimento exhaustivo dos nenos/as durante a Educación infantil na primeira fase de ELISA (2016-2019), e da educación primaria, na actual segunda fase (2020-2024).
ELISA ten como obxectivo xeral descubrir o que inflúe no benestar dos nenos/as a medida que van medrando e superando etapas na escola. Desta forma, se pretende deseñar accións psicoeducativas que promovan este benestar xa dende os primeiros anos, e ademais, axuden á prevención de dificultades temperás na infancia.
Este propósito ten unha gran relevancia social na actual etapa de pospandemia, na que a incipiente explosión de dificultades comportamentais, principalmente de índole emocional, mantén en alerta a comunidade educativa.
O estudo lonxitudinal ELISA consiste na realización de avaliacións anuais do desenvolvemento dos nenos e nenas participantes. A primeira avaliación realizouse na primavera de 2017, ao inicio da educación infantil, e a última realizada ata o momento, na primavera de 2024, coincidindo co final da educación primaria. O estudo ELISA pretende continuar o seguimento durante a adolescencia dos/as seus participantes, no transcurso da educación secundaria.
O método principal de recollida de datos no proxecto é o uso de cuestionarios, principalmente cubertos polas familias (nai, pai ou coidador/a principal). O uso de cuestionarios tipo heteroinforme para nais/pais é unha práctica necesaria para avaliar o comportamento a idades temperás así como as súas competencias psicosociais e de regulación emocional. Aínda así, unha vez que os nenos/as adquiren a capacidade de informar sobre os seus propios comportamentos e estados internos, é importante utilizar, tamén, cuestionarios tipo autoinforme que permitan avaliar as variables psicolóxicas desde unha perspectiva persoal e idiosincrática. Por ese motivo, no tramo final do proxecto, inclúese aos propios nenos/as na avaliación.
Durante a primeira etapa do Proxecto ELISA, conseguiuse obter unha instantánea do comportamento dos nenos e nenas a temprana idade, e coñecer a evolución das súas características, habilidades, fortalezas e dificultades ao longo da etapa da Educación Infantil.
A continuidade durante a segunda etapa do estudo permitiu facer un seguimento das diferentes traxectorias de desenvolvemento, adaptativas ou desadaptativas, ao longo da Educación Primaria, así como examinar os posibles factores de risco e protección a nivel individual, familiar e escolar.
Desta forma, estímase que as achegas do estudo ELISA durante a nenez constitúen unha guía para o deseño de intervencións eficaces (e eficientes en termos de investimento e beneficios) que poidan redirixir as traxectorias que se prevén máis prexudiciais para o benestar dos nenos/as e as súas contornas próximas.
Para máis información, dirixirse a: proxecto.elisa@usc.es
Se queres contactar connosco fai clic na seguinte ligazón:
Unidade de Investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento.