Search
Close this search box.

Elisa, que emoción!!

ELISA, que emoción!!

O Programa Elisa, que emoción! xurde como mostra de agradecemento a todos os colexios que fixeron posible o desenvolvemento do Proxecto ELISA, ás mestras e mestres, nais e pais que confiaron en nós e, co único obxectivo de contribuír ao benestar e saúde das nosas crianzas, ano tras ano agasállannos cunha valiosa parte do seu tempo participando no estudio de seguimento.

O programa ELISA, que emoción! pretende proporcionar ao profesorado estratexias concretas que lles permitan traballar transversalmente na dotación dos nenos e nenas de coñecementos e habilidades de auto-manexo emocional ao inicio da educación primaria.

Co fomento da regulación emocional durante a nenez temperá, poderemos axudar ás nosas crianzas a aprender a tolerar a frustración, a moderar os seus impulsos e a expresar as emocións de forma socialmente aceptable. Deste xeito, estarán en disposición de establecer relacións sas e satisfactorias cos demais e de ir perfilando unha autoimaxe e autoestima positivas, o cal redundará no seu benestar psicolóxico e no seu correcto axuste ao contexto escolar e social.

Elisa-que-emocion_portada

As actividades do programa ELISA, que emoción! organízanse en seis grandes bloques de educación emocional, co propósito de desenvolver nos nenos/as competencias de recoñecemento, atención, expresión e regulación emocional, así como habilidades de xestión social das emocións e cooperación cos compañeiros/as. Ditas actividades dispóñense en sesións semanais e seguen unha metodoloxía grupal, dinámica e cooperativa, para axudar á adecuada interiorización das aprendizaxes.

Polo de agora, o programa ELISA, que emoción! está en proceso de desenvolvemento; atópase na primeira fase de proba de aplicación e resultados preliminares. A realidade que estamos a vivir indícanos que a comunidade educativa teremos que enfrontar tempos moi duros, nos que a solidariedade nas tarefas de coidado das nosas crianzas e, tamén, no noso propio coidado, será a chave para superalos. O equipo ELISA consideramos que dispor de ferramentas de xestión emocional para ensinarlles aos/ás nenos/as, e para auto-aplicarnos, axudará ao mantemento do benestar de todas/os, escolares, mestras/es e nais/pais, ante a adversidade. Neste cometido, estaremos a traballar ao longo dos próximos meses.

Elisa que Emoción!!: Audios para uso na aula