Valoración do risco de condutas antisociais na adolescencia

A investigación sobre a avaliación do risco de condutas antisociais na adolescencia está estreitamente ligada ao protocolo VRAI (Valoración do Risco en Adolescentes Infractores) e a súa implementación. O protocolo VRAI é un instrumento de valoración do risco deseñado para a súa aplicación en adolescentes que cumpren medidas de xustiza xuvenil. Este protocolo proporciona información sobre 24 factores de risco, tres factores de protección e outras tres variables relevantes a considerar. Os factores de risco comprenden factores históricos (e.g., historia de violencia previa, historia de maltrato infantil, rexeitamento do grupo de iguais), factores psicosociais (e.g., prácticas parentais inadecuadas, delincuencia no grupo de iguais, falta de apoio social) e factores individuais (e.g., impulsividade, dureza emocional, actitudes favorables á violencia). Os factores de protección avaliados, pola súa parte, circunscríbense a factores psicosociais (i.e., implicación en condutas prosociais, amigos prosociais) e factores individuais (i.e., habilidades de afrontamento). As outras tres variables restantes (i.e., ideación suicida, deseabilidade social, falta de expectativas de futuro) avalíanse no marco do protocolo VRAI por considerarse de especial interese no contexto da valoración do risco de condutas delictivas en poboación adolescente.

Obxectivo xeral

Determinar o nivel de risco de conduta antisocial dos e das rapazas a partir das puntuacións obtidas nos diferentes factores de risco e de protección.

Obxectivos específicos

  • Avaliar os factores de risco que maior relación amosan coa conduta antisocial adolescente.
  • Identificar distintos perfiles de risco segundo as puntuacións obtidas nos diferentes factores
  • Desenvolver estratexias de prevención e intervención adaptadas ás necesidades específicas de cada individuo

Mostra de estudo

O primeiro estudo piloto contou cunha mostra constituída por 85 menores con medidas xudiciais de distinta natureza na Comunidade Autónoma de Galicia. Do total de rapaces/zas, 47 contaban con medidas de internamento e 38 contaban con medidas de liberdade vixiada. Este primeiro estudo piloto deu lugar á elaboración do protocolo VRAIG (Valoración do Risco en Adolescentes Infractores Galegos). O protocolo VRAIG sentou as bases para a elaboración dun protocolo máis actualizado, sistematizado e adaptado ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación: o Protocolo VRAI (Valoración do Risco en Adolescentes Infractores). A mostra utilizada nesta fase de estudo procedía de dúas Comunidades Autónomas de España (Galicia e Andalucía) e contou con 340 menores en cumprimento de medidas en centros de xustiza xuvenil e 150 en centros de acollemento residencial de protección á infancia e adolescencia. Ademais contou cunha mostra de 656 estudantes de educación secundaria que foi avaliada na parte autoinformada do Protocolo VRAI. De xeito complementario, un proxecto internacional permitiu a adaptación da versión orixinal do Protocolo VRAI para a súa utilización en Latinoamérica, especificamente no Perú.

Dende o ano 2014, o VRAI foi revisado e actualizado en base a diversos estudios piloto que proporcionaron información valiosa para a posta a punto dunha ferramenta útil e práctica no ámbito da valoración e xestión do risco. Todo isto dou lugar á versión VRAI 2.1, a cal se encontra actualmente lista para ser implementada e avaliada, tanto en mostras de adolescentes de xustiza xuvenil, como de adolescentes no sistema de protección e de poboación xeral.

Informantes

O protocolo VRAI inclúe dúas versións diferenciadas que se cumprimentan a través dunha aplicación en liña: a versión para técnicos e a versión para adolescentes.

Tanto a versión para técnicos como a versión para adolescentes do VRAI presentan, en primeiro lugar, un apartado para cubrir datos sociodemográficos e, a continuación, as cuestións relativas aos factores de risco e de protección. Na versión de técnicos, utilízanse ítems elaborados especificamente ad hoc para a súa inclusión no Protocolo. Na versión para adolescentes, tódalas escalas de autoinforme empregadas para a avaliación dos factores son escalas validadas ou previamente utilizadas neste ámbito de investigación. Unha descripción detallada das distintas escalas empregadas pode consultarse no manual do VRAI.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: