Novas

Novo estudo sobre o desenvolvemento de dificultades comportamentais en preescolares: Aportacións derivadas do Proxecto ELISA

Xa pode ser consultado un novo traballo derivado do Proxecto ELISA, “Estudo Lonxitudinal para unha Infancia Saudable”, que reflicte os resultados do seguimento das dificultades comportamentais que os nenos e nenas manifestan durante a etapa preescolar. Trátase dun traballo moi relevante para a promoción do benestar psicolóxico na nenez, pois permite identificar os patróns de problemas que xorden a moi temperá idade, así como a súa evolución nos primeiros anos de escolarización.

O artigo titúlase “The Development of Co‑Occurrent Anxiety and Externalizing Problems from Early Childhood: a Latent Transition Analysis Approach” e é froito da colaboración das investigadoras do grupo UNDERISK co Prof. Deater-Deckard de la University of Massachusetts Amherst, en Estados Unidos. Acaba de ser publicado na revista “Research on Child and Adolescent Psychopathology” e está accesible, en aberto, no seguinte enlace:  https://link.springer.com/article/10.1007/s10802-021-00865-2. Cómpre sinalar o gran prestixio desta revista no eido da saúde mental, como así o demostra a súa elevada posición nos rankings de clasificación de revistas científicas internacionais (i.e., Q1 no JCR).

A achega máis significativa desta investigación, realizada nunha mostra de máis de dous mil preescolares, é a identificación de catro perfís que mostran certa estabilidade ao longo da nenez temperá: perfil 1. sen dificultades de comportamento relevantes; perfil 2. patrón con predominio dos problemas de conduta e/ou hiperactividade; perfil 3. patrón con predominio de problemas de ansiedade; perfil 4. patrón caracterizado pola conxunción de problemas de conduta/hiperactividade e de ansiedade. Entre eles, cabe destacar a significación da identificación do perfil 4, ao ser indicador dun patrón de “desregulación emocional” que se presenta cedo na infancia, vencellado ao alto risco de persistencia e agravamento dos problemas de conduta e emocionais ao longo do desenvolvemento.

Desta forma, as achegas aportadas facilitarán a identificación dos factores predictores dos perfís risco infantil, un coñecemento crucial para o deseño de intervencións eficaces na prevención das súas traxectorias desadaptativas.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: