Prevención e Tratamento dos Problemas de Conduta

A traxectoria do grupo neste ámbito ten como referencia principal o desenvolvemento infanto-xuvenil e o estudo de diferentes factores de risco e de protección asociados á aparición das condutas problemáticas, antisociais e o consumo de substancias, tanto na infancia como na adolescencia. Os diferentes estudos e proxectos de investigación levados a cabo permitiron, á súa vez, profundar na prevención das condutas de risco a través da elaboración e adaptación de diferentes programas de intervención. O grupo conta con unha ampla experiencia no campo a cal se ve reflectida na publicación de numerosos artigos en revistas científicas e de divulgación, capítulos de libros, libros e manuais de programas de prevención.

Principais liñas de investigación

  • Estudo do desenvolvemento infanto-xuvenil e factores asociados aos problemas emocionais e condutuais nos diferentes períodos evolutivos
  • Valoración do risco de condutas antisociais na adolescencia
  • Valoración do risco de condutas infractoras de tráfico
  • Prevención das condutas problemáticas e consumo de substancias

A traxectoria de investigación do grupo (anteriormente, baixo o rótulo UDIPRE) dou comezo a finais dos anos 80 co desenvolvemento de diversos estudios relacionados coa delincuencia xuvenil, o consumo de substancias e os factores asociados. Entre as características fundamentais dos estudos levados a cabo destaca a natureza lonxitudinal e o carácter preventivo no seu desenvolvemento. O estudo sobre os factores de risco de delincuencia, problemas de conduta e consumo de substancias favoreceu o desenvolvemento, implantación e avaliación de diferentes programas de prevención. Por un lado, o programa “Construíndo Saúde”, dirixido cara a prevención do consumo de drogas na adolescencia e, por outro, o programa “EmPeCemos: Emocións, Pensamentos e Condutas para un desenvolvemento saudable”, centrado na prevención dos problemas de conduta de inicio temperá. Ademais, a colaboración coa Arizona State University (Estados Unidos) permitiu a adaptación ao contexto español do programa “Mantente REAL”, dirixido cara a prevención do consumo de substancias e outras condutas de risco no inicio da adolescencia.

Liñas actuais de investigación

Entre as liñas de investigación actuais do grupo atópase o “Estudo Lonxitudinal para unha Infancia Saudable” (ELISA), o cal ten como obxectivo principal avaliar o desenvolvemento psicosocial, emocional e condutual e os factores asociados, nunha mostra de máis de 2500 nenos e nenas de Galicia en idade prescolar. Por outro lado, a “Valoración do Risco en Adolescentes Infractores (VRAI)”, o cal ten como obxectivo principal o estudo da conduta antisocial adolescente e os factores de risco e de protección asociados, así como a adaptación e validación dunha ferramenta de valoración do risco en poboación adolescente. Todo isto baixo a premisa básica da prevención dos problemas condutuais e psicosociais, así como a adaptación das estratexias aos diferentes perfís de risco.

A investigación levada a cabo polo grupo neste ámbito foi posible grazas á concesión dun número considerable de proxectos de investigación, financiados por organismos autonómicos, estatais e internacionais en diversas convocatorias competitivas, ademais da colaboración con diferentes axentes e entidades que facilitaron o seu desenvolvemento.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: