Novas

O papel das prácticas de crianza positivas sobre a conduta problemática na adolescencia é abordado no capítulo “O coñecemento parental e as súas fontes: Avaliando o seu valor preditivo sobre o comportamento violento e non violento na adolescencia”

No libro Unha mirada máis próxima aos estilos e prácticas de crianza, e publicado recentemente pola Editorial Nova Science Publishers, inclúese o capítulo “O coñecemento parental e as súas fontes: Avaliando o seu valor preditivo sobre o comportamento violento e non violento na adolescencia”, elaborado polas autoras Olalla Cutrín, Lorena Maneiro e Laura López Romero.

O coñecemento que os pais e nais teñen sobre as actividades nas que participan os seus fillos/as, as amizades coas que comparten o seu tempo libre ou o lugar no que se encontran, forman parte do repertorio de prácticas de crianza positivas que preveñen futuras condutas problemáticas. Un estudo lonxitudinal dirixido pola doutora Olalla Cutrín trata de profundar no papel do coñecemento parental, así como as fontes a través das cales se obtén a devandita información, sobre o desenvolvemento psicosocial dos e das adolescentes. Os resultados deste estudo lonxitudinal son presentados no citado capítulo.

Diversas investigacións indican dun xeito consistente que as familias caracterizadas por un clima familiar de apoio e confianza, que fomentan a autonomía dos/das fillos/as e a toma de decisións, favorecen a comunicación filio-parental e a disposición a compartir información por parte destes. Nesta liña, o coñecemento que os pais e nais teñen sobre os seus/súas filllos/as é unha das prácticas de crianza más estudadas en relación co desenvolvemento psicosocial na adolescencia, incluíndo tano condutas normativas como antisociais. O coñecemento parental pode, á súa vez, ser obtido mediante diferentes fontes de información. En primeiro lugar, a disposición dos/das fillos/as a compartir espontaneamente a devandita información con seus pais; en segundo lugar, o control parental, que fai referencia á información que os pais obteñen a través do establecemento de normas ou petición de explicacións; en terceiro lugar, a solicitude de información por parte dos pais, que se refire á información que os pais obteñen a través de conversacións cos seus/súas fillos/as ou preguntando sobre as súas vidas.

Tendo en conta a investigación previa ao respecto, o obxectivo deste estudo centrouse en avaliar os efectos do coñecemento parental, así como das fontes a través das cales se obtén a devandita información, sobre a conduta antisocial adolescente, tanto violenta como non violenta. Así mesmo, o papel mediador do coñecemento parental sobre a relación entre as fontes de obtención da información e a conduta antisocial foi analizado. Para iso, contouse cunha mostra de 394 adolescentes de 11 centros de educación secundaria en Galicia, que foron avaliados anualmente ao longo dun período de tres anos. Os resultados do estudo mostraron que unicamente a disposición dos e das fillas a compartir a información cos seus proxenitores relacionouse co coñecemento parental un ano despois. Por outra banda, ningunha das fontes de obtención da información predixo dun xeito directo a conduta antisocial non violento, senón que unicamente a disposición dos/das fillos/as a compartir a información cos seus proxenitores indirectamente predixo os baixos niveis de condutas non violentas a través do efecto do coñecemento parental. Con todo, observouse unha relación directa significativa do control parental avaliado no primeiro curso da E.S.O. sobre as condutas agresivas dous anos despois. Estes achados resaltan a relevancia do establecemento de prácticas positivas non coercitivas que fomenten a confianza e a comunicación familiar, todo iso con fin de previr o desenvolvemento de condutas problemáticas na adolescencia.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: