O grupo UNDERISK presenta a enquisa CONFIA-20 (Efectos do Confinamento na Familia e na Infancia)

Nesta primavera de 2020 estamos a vivir unha situación sen precedentes na nosa época, caracterizada pola crise sanitaria e social asociada á expansión do COVID-19. Nun período moi breve de tempo, foron necesarias adaptacións a cambios rápidos, que afectan non só ás nosas dinámicas sociais habituais, senón tamén as nosos espazos de relación persoal. Durante as últimas semanas, presenciamos como estas circunstancias alteraron a vida e rutinas de todos/as nós, incluídos os/as nosos/as cativos/as.
Dende o grupo UNDERISK, no noso empeño de contribuír a coñecer e resolver os problemas do noso entorno, consideramos fundamental poñer a disposición da sociedade o coñecemento e as ferramentas das que dispoñemos. Interésanos entender non só cales son os desafíos concretos cos que se encontran as familias e os nosos/as nenos/as como consecuencia da crise actual, senón tamén os recursos de afrontamento familiares e individuais que están a despregar, e as consecuencias derivadas da situación. O noso obxectivo é contribuír á comprensión dos efectos da crise actual, un reto social, global e compartido, que actualmente, e previsiblemente nun futuro próximo, nos une e nos compromete a todos/as.
Con este fin, deseñamos a enquisa CONFIA-20 (Efectos do Confinamento na Familia e na Infancia), á que poderán acceder todas aquelas familias que o desexen, con nenos/as con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos. Trátase dun cuestionario cunha duración estimada de 15 minutos, que pode cubrirse a través dunha plataforma online (https://underisk.gal/t/confia20/gal).
Analizar a forma na que nenos/as e familias están a vivir esta situación de crise, axudaranos a definir e entender mellor o seu impacto, coa finalidade última de contribuír á elaboración de pautas de actuación fundamentadas coas que intervir nesta ou similares situacións que poidan darse no futuro.