Novas

O grupo de investigación UNDERISK financiou a Xornada sobre Prematuridade que se celebrou o día 9 de Novembro de 2019.

O grupo de investigación UNDERISK financiou a Xornada sobre Prematuridade que se celebrou o día 9 de Novembro de 2019.

A xornada tiña como obxectivos actualizar os coñecementos sobre a  prematuridade e proporcionar aos profesionais que traballan con nenas e nenos prematuros instrumentos de avaliación do seu desenvolvemento psicolóxico.

A xornada foi presentada por Mari Luz  Couce (neonatóloga do CHUS), Rocío Búa (Secretaria de AGAPREM) e Miguel Pérez Pereira (membro do grupo de investigación UNDERISK da USC e coordinador do Proxecto Prematuros).

Durante a Xornada tratouse da historia da atención aos prematuros e os retos da investigación en nenos e nenas prematuros, en senllas conferencias dos doutores  Jose Luis Trisac e Alejandro Ávila,  neonatólogos do CHUAC.

A Xornada contou coa participación de dúas destacadas investigadoras da Universidade de Bolonia (Italia), Alessandra  Sansavini e  Annalisa  Guarini, que falaron do desenvolvemento comunicativo e lingüístico de nenos prematuros e dos resultados escolares en habilidade lectora e matemáticas de nenos moi prematuros e extremadamente prematuros, respectivamente.

Os compoñentes do equipo de investigación do Proxecto Prematuros expuxeron algúns resultados dun estudo lonxitudinal realizado durante 10 anos cun grupo de nenos prematuros de baixo risco e un grupo control de nenos nados a termo. En particular tratáronse aspectos do desenvolvemento da linguaxe (Miguel Pérez Pereira), do desenvolvemento cognitivo (Pilar Fernández) e da habilidade lectora (Zeltia Martínez e Lorena Maneiro), así como dos factores ambientais, biomédicos e psicolóxicos que inflúen na súa evolución.

Ademais, Miguel Pérez Pereira presentou unha plataforma  on- line que permite unha avaliación rápida e sinxela do desenvolvemento comunicativo e lingüístico de nenos pequenos por medio do IDHC, que pode ser de gran utilidade para o seguimento de nenos prematuros. Tamén fixo unha breve presentación das escalas ASQ-3, un instrumento de screening do desenvolvemento psicolóxico.

Un pai (José Vicente Martínez Ferreiro) presentou un testemuño das preocupacións e dificultades con que se atopan as familias cando teñen a unha filla ou un fillo prematuro.

A xornada estivo relacionada coa celebración do Día Mundial da  Prematuridade, o 17 de Novembro, e colaboraron con UNDERISK na súa organización  a Asociación Galega de Familias de Nenos Prematuros (AGAPREM) e a Xerencia da  Xestión Integrada de Santiago de Compostela  do SERGAS.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: