Novas

Nova tese de doutoramento do grupo UNDERISK

Beatriz Domínguez Álvarez, investigadora en formación do grupo UNDERISK defendeu recentemente a súa tese de doutoramento realizada baixo a supervisión da Dra. Estrella Romero e a Dra. Laura López Romero. Na avaliación do traballo, titulado “A heteroxeneidade da conduta disruptiva infantil: niveis de organización e mecanismos subxacentes” participaron expertas internacionais e nacionais. A Dra. Ashley Watts da Universidade de Missouri asistiu ao evento por videoconferencia, e as Doutoras Laura Mezquita Guillamón e Olalla Cutrín Mosteiro das universidades Jaume I (Castellón) e Santiago de Compostela, respectivamente, participaron presencialmente.

O traballo de tese centrouse na análise da heteroxeneidade etiolóxica e fenotípica dos problemas de conduta disruptiva de inicio temperán. Considerouse, como punto de partida, que tales condutas son heteroxéneas en relación á súa presentación, orixes e traxectorias de evolución e que, en xeral, os marcos teóricos e métodos tradicionais teñen fracasado á hora de dar conta desta complexidade. As hipóteses para este traballo articuláronse, por tanto, sobre modelos organizativos alternativos que actualmente son referencia na investigación estrutural e etiolóxica contemporánea.  Como mostra de estudo empregáronse datos lonxitudinais dunha ampla mostra comunitaria de nenos/as galegos/as (Proxecto ELISA [mostra inicial, T1], N= 2467, 48.1% nenas, media de idade= 4.25 anos, DT=.91).  En conxunto, os resultados apuntan a unha estrutura xerárquica das formas máis temperás de conduta perturbadora infantil e o risco disposicional asociado, así como certos mecanismos transdiagnósticos asociados, de tipo disposicional, que poderían subxacer a esta suposta vulnerabilidade externalizante inespecífica.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: