Novas

Nova publicación sobre as diferenzas de xénero nos correlatos de personalidade das condutas agresivas

O estudo “Diferenzas de xénero nos correlatos de personalidade da agresión reactiva e proactiva nunha mostra de adultos novos españoles” ven de publicarse recentemente na revista científica Journal of Interpersonal Violence, a cal se sitúa entre as máis prestixiosas do ámbito científico da Psicoloxía e a Criminoloxía. O devandito estudo, levado a cabo por membros do grupo Underisk, ten como obxectivo principal avaliar as características distintivas da agresión reactiva e proactiva a través da análise das relacións diferenciais cunha serie de correlatos de personalidade, así como analizar as diferenzas de xénero nesas relacións.

Para iso, contouse cunha mostra total de 326 participantes, a maioría dos cales eran estudantes en diferentes grados e niveis da educación superior. En liñas xerais, os resultados amosaron diferenzas entre as dúas tipoloxías agresivas. Mentres que a agresión proactiva se relacionou coa falta de Humildade/honestidade así como con baixos niveis de Emocionalidade, a agresión reactiva asociouse con impulsividade e, especificamente, co factor de urxencia negativa, así como con baixos niveis de Amabilidade. Así mesmo, os achados evidenciaron diferenzas de xénero nalgunha destas relacións. Especificamente, a agresión proactiva asociouse con baixos niveis de Amabilidade e procura de sensacións só en homes, mentres que só se observaron relacións significativas con impulsividade en mulleres. Estes resultados teñen implicacións relevantes no ámbito da intervención sobre as condutas agresivas dende unha perspectiva de xénero.

 

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: