O venres 6 de marzo celebrouse en Vilagarcía de Arousa a primeira sesión de formación destinada ao profesorado de ESO para a implementación do programa Construíndo Saúde. A actividade foi organizada polo Concello no marco das accións financiadas pola subvención concedida pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades locais.
A sesión, que tivo lugar no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa en horario de tarde, foi impartida por Xosé Antón Gómez Fraguela, profesor da USC, investigador do grupo UNDERISK e coautor do programa Construíndo Saúde. A formación contou tamén co apoio de Tamara Castro Nodar, técnica de prevención do concello. Durante a sesión fíxose unha introdución conceptual sobre os problemas de conduta na adolescencia, o papel da escola no desenvolvemento de iniciativas preventivas e unha descrición detallada do programa Construíndo Saúde, con especial énfase no rol que debe asumir o profesorado para a súa adecuada implementación.
Participou profesorado dos IES Armando Cotarelo Valledor e O Carril, centros nos que, ao longo do terceiro trimestre, se desenvolverá o programa nas aulas de 1º da ESO.