Recentemente, vense de publicar na revista Research on Child and Adolescent Psychopathology o artigo que leva por título “Emotion Recognition in a Community Sample of Children: Unpacking the Contribution of Psychopathic Traits”, das autoras Beatriz Díaz-Vázquez, María Álvarez-Voces, Carmen Sánchez-Vázquez, Estrella Romero e Laura López-Romero, pertencentes ao grupo UNDERISK.
Este artigo constitúe a primeira publicación derivada do proxecto ELISA Socioemocional (https://underisk.gal/elisa-socioemocional/), unha liña de investigación específica dentro do estudo lonxitudinal ELISA (2017-actualidade) que ten por obxectivo o estudo do procesamento, expresión e recoñecemento emocional. Neste estudo, levado a cabo entre os anos 2023 e 2024 participaron un total de 239 nenos e 199 nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos; que estaban a cursar os últimos cursos da educación primaria en 19 escolas galegas pertencentes ás provincias da Coruña e Pontevedra.
Hoxe sabemos que os trazos de tipo psicopático, que inclúen aspectos interpersoais (por ex., narcisismo e manipulación [GD]), emocionais (por ex., baixa empatía e culpa [CU]), e condutuais (por ex., impulsividade e busca de sensacións [INS]), se relacionan con dificultades de recoñecemento emocional, o que fai que as crianzas posúan máis dificultades para regular as súas emocións e comportamentos. Estes trazos, conxuntamente cos problemas de conduta, aínda que máis presentes e con maior intensidade nas comunidades clínicas, tamén se atopan en poboación comunitarias, o que fai necesaria a súa abordaxe.
Deste xeito, o principal obxectivo deste estudo consistiu en avaliar nunha mostra de nenos/as de escolares a precisión, a rapidez do recoñecemento emocional e os diferentes patróns atencionais ás zonas clave da decodificación da información emocional nos rostros humanos (ollos e boca). A través dunha tarefa de visualización de 40 caras de nenos/as e adultos que representaron as seguintes emocións: felicidade, medo, tristeza, ira e neutral, concluíuse que a dimensión da psicopatía caracterizada pola baixa empatía (CU) foi a única relacionada con dificultades no etiquetado das emocións, en concreto, de medo e neutral, mentres que a dimensión referente aos trazos narcisistas do comportamento e da personalidade (GD) recoñecía máis rapidamente a tristura. En canto ao patrón de atención ás diferentes zonas dos ollos e da boca, tan só se atoparon unhas tendencias marxinais que indicaban un menor tempo dedicado á fixación na boca para as emocións de medo e de ira.
Estes resultados subliñan a importancia de considerar aos tres trazos psicopáticos de xeito diferencial e a necesidade de continuar traballando na prevención e no deseño de estratexias diferenciais e específicas para aumentar as competencias de recoñecemento emocional en aras a un mellor axuste psicolóxico, emocional e comportamental.