Baixo a presidencia de honra das SS.MM. os Reis de España, a Fundación Adecco e o Club de Excelencia en Sostenibilidad celebraron o pasado 26 de outubro a IX edición dos Premios de Diversidade e Inclusión. O acto tivo lugar na Sala Constitucional do Congreso dos Deputados e reuniu destacadas personalidades e organizacións comprometidas coa construción dunha sociedade máis inclusiva.
A nosa compañeira Emma Mayo recibiu, xunto con Adela Cortina, o Premio Honorífico á Lideranza Inclusiva, en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu compromiso coa inclusión, a equidade e o benestar psicosocial das persoas en situación de vulnerabilidade, especialmente nos ámbitos educativo e universitario.
Durante a súa intervención, Emma Mayo compartiu diversas reflexións sobre os desafíos que aínda persisten para acadar unha inclusión plena:
«A día de hoxe, aínda non podemos falar da existencia dunha inclusión real, porque mentres sigan existindo barreiras que limiten as oportunidades de participación, aprendizaxe ou desenvolvemento das persoas, non poderemos falar dunha inclusión plena».
Así mesmo, destacou que:
«As barreiras máis difíciles de eliminar non sempre son visibles. Máis aló dos obstáculos físicos persisten barreiras mentais e actitudinais: prexuízos, estereotipos e expectativas limitadas que condicionan as oportunidades de moitas persoas. Porque mentres unha rampla pode construírse en pouco tempo, cambiar unha mirada, cuestionar unha crenza ou vencer un prexuízo esixe moito máis esforzo».
Tamén lembrou que:
«Aínda quedan moitos retos pendentes. Porque a inclusión non consiste unicamente en abrir portas; consiste en garantir que poidamos atravesalas e permanecer ao outro lado en igualdade de condicións».
Finalmente, expresou un desexo que resume o obxectivo último da inclusión:
«Gustaríame que a noticia non fose que unha persoa con discapacidade chega a determinados espazos, senón que ninguén se plantexe que non poida chegar».
O discurso completo pode consultarse na seguinte ligazón (a partir do minuto 1:34:10):