Search
Close this search box.

Novas

As diferenzas de xénero no comportamento antisocial son analizadas nunha nova publicación de UNDERISK

Recentemente publicouse na revista Psychology, Crime & Law un artigo que analiza se as diferenzas de xénero no comportamento antisocial varían en función do contexto da poboación. En concreto, o estudo compara adolescentes da poboación xeral con mozos e mozas vinculados ao sistema de xustiza xuvenil en España. O traballo foi realizado por investigadores do grupo UNDERISK da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración cunha investigadora do Centro de Investigação e Intervenção Social (CIS-Iscte) do Iscte-Instituto Universitário de Lisboa.

A investigación baséase nunha mostra de 1.339 adolescentes e mozos e mozas de entre 13 e 21 anos do proxecto VRAI, dos cales 679 estaban vinculados ao sistema de xustiza xuvenil e 660 procedían da poboación xeral. Ademais das condutas antisociais agresivas e non agresivas, analizáronse distintos factores individuais e ambientais, como a impulsividade, a empatía, a hostilidade ou ira, o apoio familiar, o coñecemento parental e a relación con iguais antisociais.

Os resultados amosan que as diferenzas entre mozas e mozos non son estables nin se manifestan do mesmo xeito en todos os contextos. En particular, as mozas vinculadas ao sistema de xustiza xuvenil mostraron maiores niveis de impulsividade emocional e hostilidade ou ira ca os mozos, un patrón diferente ao que adoita atoparse en mostras comunitarias. Estes achados cuestionan a xeneralización dos resultados obtidos na poboación xeral a contextos de maior risco e salientan a importancia de considerar conxuntamente o xénero e o contexto da poboación no estudo, na avaliación e na intervención sobre o comportamento antisocial.

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp