O grupo de investigación UNDERISK vén de publicar un novo artigo na Journal of Child Psychology and Clinical Assessment, no que se analiza un modelo de predición do desenvolvemento dos problemas de conduta durante a infancia, integrando factores psicolóxicos, familiares e medidas de resposta fisiolóxica.
O estudo, levado a cabo a partir dos datos dos Proxectos ELISA e ELISA Socioemocional, realizou un seguimento lonxitudinal ao longo de cinco anos a unha mostra de 333 nenos e nenas en idade escolar. A investigación incorporou medidas de reactividade emocional (i.e., resposta electrodérmica) como indicador do procesamento emocional, xunto con variables relacionadas co temperamento, as prácticas educativas parentais, os trazos de dureza e insensibilidade emocional e a empatía.
Os resultados indican que a ausencia de medo (fearlessness), a inconsistencia parental e os trazos de insensibilidade emocional constitúen factores de risco para o desenvolvemento dos problemas de conduta. Ademais, o estudo apunta ao posible papel da empatía afectiva na reactividade fronte ao medo, achegando nova evidencia sobre os mecanismos implicados nas distintas vías de desenvolvemento destes problemas.
Este traballo deriva do Traballo Fin de Máster (TFM) elaborado por Carmen Sánchez Vázquez, que foi distinguido co Premio ao Mellor TFM outorgado pola Sociedade Española de Psicoloxía Clínica Infanto-Xuvenil (SEPCIJ), un recoñecemento á calidade da investigación realizada.
Os achados contribúen a unha mellor comprensión dos procesos que interveñen no desenvolvemento dos problemas de conduta e reforzan a importancia da súa detección temperá, achegando evidencia útil para o deseño de estratexias de prevención e intervención máis eficaces e adaptadas ás necesidades da poboación infantil. O artigo completo pode consultarse neste enlace.