Na orde do 13 de novembro de 2025 a consellería de sanidade da Xunta de Galicia aprobou as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento dos proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Nas bases establécese que os programas Construíndo Saúde e EmPeCemos terán unha especial valoración dentro dos programas complementarios que poderán levar a cabo desde as entidades municipais. En UNDERISK estamos moi orgullosos que se lle dese este recoñecemento a dous programas desenvolvidos e avaliados desde o noso grupo de investigación e nos que levamos investido tanto esforzo e dedicación. O programa Construíndo Saúde vai dirixido aos primeiros cursos da ESO e centrarase especificamente na prevención do consumo de drogas ou a implicación noutros problemas de conduta habituais no inicio da adolescencia. O programa EmPeCemos diríxese aos primeiros cursos de Educación Primaria e no seu compoñente escolar centrarase no desenvolvemento das habilidades socioemocionais dos estudantes, mentres que o seu compoñente familiar está orientado a axudar ás familias con dificultades no manexo da conduta dos seus fillos e fillas.
Desde o grupo de investigación UNDERISK estamos á disposición de todas as entidades e concellos interesados en aplicar estes programas para colaborar no proceso de formación e asesoramento necesarios para facilitar a súa posta en marcha y promover as habilidades de vida de nenos e adolescentes e previr o inicio no consumo de drogas ou a aparición doutros problemas de conduta na infancia e a adolescencia.
