Search
Close this search box.

Novas

Defensa da tese “Diferenzas de xénero nos problemas de conduta na infancia e na adolescencia: Manifestacións, perfís e traxectorias”

O pasado 17 de xuño, María Álvarez Voces realizou a lectura e defensa pública da súa tese de doutoramento con mención internacional, titulada “Diferenzas de xénero nos problemas de conduta na infancia e na adolescencia: manifestacións, perfís e traxectorias”. A tese foi dirixida pola profesora Estrella Romero e polo profesor Xosé Antón Gómez Fraguela.

A tese adoptou unha perspectiva sensible ao xénero para analizar non só as diferenzas na gravidade e prevalencia dos problemas de conduta, senón tamén posibles variacións entre nenos e nenas nas súas manifestacións, perfís asociados e traxectorias evolutivas. O traballo parte de que a investigación neste ámbito se centrou tradicionalmente nos nenos, en parte porque presentan unha maior prevalencia. Isto limitou o coñecemento sobre como se manifestan e desenvolven estes problemas nas nenas. Ademais, a tese presta atención ao denominado paradoxo do xénero, segundo o cal o xénero no que un determinado problema é menos frecuente pode presentar, cando aparece, un peor prognóstico e unha maior deterioración global.

Neste contexto, a tese tivo como obxectivo examinar as diferenzas de xénero nos problemas de conduta durante a infancia e a adolescencia desde un enfoque lonxitudinal. Para iso, leváronse a cabo oito estudos empíricos utilizando datos procedentes de dous proxectos desenvolvidos en España, ELISA e VRAI, así como dun proxecto desenvolvido nos Estados Unidos, ABCD Study®, e do seu subestudo ABCD-SD.

Os resultados contribúen a avanzar na comprensión das diferenzas de xénero nos problemas de conduta, achegando evidencia sobre a súa expresión, heteroxeneidade e desenvolvemento ao longo do tempo. En conxunto, a tese subliña a importancia de continuar investigando esta área para mellorar a detección, a prevención e a intervención tanto en nenos como en nenas, incorporando unha perspectiva sensible ao xénero.

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp