Search
Close this search box.

Novas

”Defensa tese “Apoio social percibido, autorregulación motivacional e rendemento académico en adolescentes”

Tese Eva

O pasado 13 de decembro, Eva Villar García, membro do grupo de traballo do proxecto de investigación ARASAC, realizou a lectura e defensa pública da tese con mención internacional “Apoio social percibido, autorregulación motivacional e rendemento académico en adolescentes”, dirixida pola doutora Carolina Tinajero Vacas.

A adolescencia é un período transicional durante o cal teñen lugar importantes cambios no individuo e o seu contexto. Afrontar con éxito estes cambios é esencial para o benestar e progreso académico dos/as adolescentes; con todo, a miúdo atopan dificultades, como así o indican as elevadas cifras de fracaso e abandono escolar. A capacidade para autorregular a aprendizaxe considérase unha condición favorecedora para eludir as citadas dificultades. En particular, os modelos máis recentes de aprendizaxe autorregulada (AAR) chaman a atención sobre a relevancia da autorregulación da motivación académica. Por outra banda, o apoio social tense proposto como condicionante principal das inclinacións dos individuos á hora de regular a súa motivación e, por extensión, a súa cognición ante as tarefas de aprendizaxe. Partindo destas premisas, a presente tese doutoral buscou contribuír a esclarecer o papel do AAR e do apoio social percibido (ASP) no rendemento académico durante a adolescencia. Para alcanzar este obxectivo, leváronse a cabo varios estudos que permitiron: (1) obter unha imaxe actualizada das elaboracións teóricas sobre o AAR, (2) reunir a evidencia dispoñible acerca da asociación do ASP co uso de estratexias de aprendizaxe (3) achegar datos sobre as interconexións entre diferentes provisións e fontes de ASP, o coñecemento metacognitivo, as estratexias de aprendizaxe (cognitivas, metacognitivas e motivacionais) e o rendemento académico, durante a adolescencia. Os resultados obtidos apoian o efecto esperado do ASP sobre a manifestación das destrezas para autorregular a aprendizaxe, así como o papel mediador destas destrezas na relación do ASP co rendemento académico.

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp