Search
Close this search box.

Novas

Análise das diferenzas de xénero no axuste psicolóxico durante a adolescencia temperá: resultados lonxitudinais do estudo ELISA

O pasado mes de novembro publicouse en Scientific Reports, unha das revistas científicas multidisciplinares con maior proxección internacional do grupo Nature, un artigo que analiza as diferenzas de xénero no axuste psicolóxico durante a adolescencia temperá baseándose en datos do Proxecto ELISA. O traballo, levado a cabo por investigadoras do grupo UNDERISK, baséase nunha mostra de máis de 800 adolescentes de entorno a 11 anos de idade, e adopta unha abordaxe lonxitudinal para estudar como se organizan os diferentes perfís de axuste psicolóxico nesta etapa clave do desenvolvemento.

Identificáronse catro perfís principais e encontrouse que, aínda que nenas e nenos presentaban niveis medios similares de axuste psicolóxico, existen claras diferenzas na distribución destes perfís segundo o xénero. Especificamente, as nenas agrupáronse con máis frecuencia en perfís normativos e internalizantes, mentres que os nenos apareceron máis representados en perfís externalizantes e comórbidos. Ademais, o estudo mostrou que factores temperáns como o nivel socioeconómico, o temperamento ou a regulación emocional influían de xeito similar en ambos xéneros. Estes resultados subliñan a importancia de considerar tanto o xénero como os factores temperáns de desenvolvemento para comprender mellor a saúde mental na adolescencia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp