Estudo Lonxitudinal para unha Infancia Saudable (ELISA)

O Proxecto ELISA baséase na realización dun estudo lonxitudinal a gran escala, con aproximadamente 2800 nenos e nenas de poboación xeral escolarizados en centros educativos de diversas zonas urbanas, rurais e semi-rurais de Galicia. Este proxecto comezou no ano 2017 cunha mostra de nenos e nenas en etapa infantil (3-5 anos), os cales foron avaliados, tanto polo profesorado como polas familias, en sucesivos seguimentos anuais ata a actualidade (2018 e 2019). Este proxecto pretende situar a nosa comunidade autónoma á cabeza da investigación lonxitudinal no ámbito internacional, seguindo a outros traballos como o Estudo SOFIA levado a cabo dende a Universidade de Örebro (Suecia), o cal constitúe un dos referentes do presente proxecto.

Obxectivo xeral

Analizar o desenvolvemento infantil, prestando especial atención aos diversos perfís e traxectorias que se poden identificar no mesmo, así como nos factores implicados no desenvolvemento do axuste condutual e psicosocial observados tanto no ámbito académico coma no familiar.

Obxectivos específicos

  • Afondar no coñecemento do desenvolvemento e o axuste infantil
  • Identificar perfís ou grupos de nenos/as con diversos niveis de risco
  • Avaliar os factores relacionados cos diferentes perfís de risco e traxectorias de desenvolvemento
  • Adaptar e desenvolver intervencións preventivas en base ás características e necesidades de cada un dos perfís identificados, co fin de fomentar un desenvolvemento máis positivo

Mostra inicial

A mostra inicial do estudo correspondente á primeira recollida de datos no ano 2017 estaba composta por 2467 nenos e nenas de Educación Infantil, entre 3 e 5 anos, escolarizados en centros públicos, concertados e privados de Galicia. Esta mostra foi ampliada o ano seguinte ata un total de 2789 nenos/as. A mostra de estudo foi avaliada en sucesivos estudos de seguimento nos anos 2018 e 2019. No terceiro ano de estudo, correspondente co segundo ano de seguimento, o estudo contou cunha participación total de 76 centros educativos das catro provincias galegas.

Participantes (informantes)

A información recollida no estudo ELISA é proporcionada, por un lado, polas familias dos/as nenos/as participantes, na maioría dos casos polas nais e pais. Ademais, as mestras e os mestres dos centros educativos proporcionan información sobre os nenos e nenas acerca do seu desenvolvemento. Toda a información, tanto de familias como de mestras/es é proporcionada a través dunha enquisa, a cal pode ser cumprimentada de xeito físico en formato papel ou a través dunha aplicación en liña.

Documentos de interese:

Séguenos:

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: