Estancia de Beatriz Domínguez na Universidade de Pennsylvania, Philadelphia (EUA)
Beatriz Domínguez Álvarez, investigadora en formación do grupo UNDERISK acaba de regresar dunha estadía de investigación de tres meses no EDEN Lab. Emotion, Development, Environment & Neurogenetics, da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Pennsylvania, en Philadelphia, EUA.
A estadía, financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional como parte do Subprograma de Axudas á Formación de Profesorado Universitario (FPU), estivo supervisada pola Dra. Rebecca Waller, directora do EDEN Lab, e cunha brillante traxectoria de investigación centrada no estudo do desenvolvemento socioemocional, da personalidade, e da psicopatoloxía infantil.
Neste período Beatriz tivo a oportunidade de entrar en contacto coas liñas de investigación realizadas no centro, colaborar nas tarefas de investigación que lle foron asignadas, consolidar os seus coñecementos sobre análise de datos e familiarizarse cunha metodoloxía de investigación novidosa e punteira, dende unha aproximación multimétodo. A estancia constituíu unha gran experiencia de aprendizaxe de gran valor para a súa formación.
Para o grupo UNDERISK esta estancia supón unha gran oportunidade para sentar as bases para o establecemento de vías sólidas de colaboración futura entre os dous grupos de investigación con intereses compartidos. Desde UNDERISK estamos comprometidos en traballar para que esta colaboración xermine e se poidan establecer proxectos conxuntos.