EmPeCemos-Primaria (Universal)

O programa EmPeCemos-Primaria xorde como un compoñente máis do programa EmPeCemos. Emocións, Pensamentos e Condutas. Neste caso é un material que vai destinado a traballar con todos os nenos e nenas dos primeiros cursos de Educación Primaria e está deseñado para a aplicación previa ao resto de compoñentes do programa.

Con este material preténdese potenciar a adquisición de habilidades socioemocionais nos primeiros anos da Educación Primaria. En concreto inténtase incrementar a capacidade de nenos e nenas para identificar as propias emocións; mellorar a súa capacidade de autorregulación das mesmas; fomentar a empatía e mellorar as habilidades para a resolución de problemas sociais de forma non violenta.

Como fundamentación do programa partimos da gran cantidade de evidencia que mostra a utilidade de traballar a idades temperás no desenvolvemento das habilidades socioemocionais, tomando como referencia algúns dos programas mellor avaliados a nivel internacional e adaptando o material para traballar co alumnado das nosas escolas no último curso de educación infantil ou o primeiro curso de primaria.

O desenvolvemento do programa e a súa avaliación foi posible á concesión no ano 2020 dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Sanidade a través da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas (referencia do proxecto 2020/014).

O programa EmPeCemos-Primaria está organizado en tres grandes bloques. O primeiro composto por tres unidades centrase na autorregulación emocional; o segundo bloque vai destinado a traballar a comprensión emocional e fomentar a empatía e consta de 6 unidades; o último bloque está formado por 5 unidades e nel se ensina e practica un proceso de resolución de problemas sociais.

A aplicación do programa corre a cargo do propio profesorado dos centros, que previamente reciben un curso de capacitación  impartido polos responsables do programa do grupo UNDERISK. O grupo de investigación tamén proporciona asesoramento e supervisión constante durante a aplicación do programa e apoio técnico no proceso de avaliación dos resultados.

O programa pode ter continuidade en cursos posteriores con intervencións máis especializadas dirixidas ao alumnado con dificultades nas habilidades tratadas no programa que poden levar á aparición de problemas de conduta na escola ou no fogar. A base destas intervencións son os distintos compoñentes indicados do programa EmPeCemos.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: