Condutas infractoras de tráfico

A investigación sobre infractores de tráfico céntrase no estudo dos factores de risco presentes nos condutores que infrinxen a Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria. A base deste proxecto fundaméntase na determinación do perfil de risco específico que caracteriza a este tipo de infractores, así como na adaptación dun protocolo de avaliación do risco que facilite a toma de decisións e as estratexias de intervención. Como resultado, o Protocolo de Avaliación en Condutores Infractores (PECI) foi elaborado e adaptado ao contexto galego de condutores infractores.

Obxectivo xeral

O obxectivo xeral deste proxecto era desenvolver un protocolo de avaliación para condutores infractores que poida ser utilizado polos profesionais, tanto nos cursos de sensibilización e reeducación viaria como nos talleres de actividades en materia de seguridade viaria para cumprir a pena de traballos en beneficio da comunidade.

Obxectivos específicos

  • Avaliar os factores de risco relacionados coas infraccións de tráfico
  • Identificar diferentes perfís de risco en infractores de tráfico
  • Avaliar a motivación para o cambio das condutas infractoras
  • Favorecer o desenvolvemento de estratexias de prevención específicas

Mostra de estudo

A recollida de datos do proxecto foi levada a cabo entre os meses de febreiro a setembro de 2016 e contou cunha mostra inicial de 158 infractores de tráfico da Comunidade Autónoma de Galicia. Da mostra total inicial, 108 foron avaliados en sete talleres de TASEVAL mentres que os 50 restantes foron avaliados en tres centros penais galegos. Por outro lado, foi avaliada unha mostra conformada por 423 individuos de poboación xeral, todos eles condutores con máis de dous anos de antigüidade no permiso de conducir B ou superior e con idades inferiores aos 70 anos. Unha submostra de 81 participantes foi avaliada 5 meses despois para a obtención de datos de fiabilidade das medidas utilizadas no protocolo.

Informantes

O PECI foi deseñado como un protocolo autoinformado a cumprimentar pola poboación obxecto de estudo. Deste xeito, o Protocolo está integrado por diferentes escalas de autoinforme que avalían, tanto as condutas e as infraccións ao volante, como outros factores relacionados co consumo de substancias, características de personalidade ou motivación para o cambio. O PECI inclúe ademais unha entrevista motivacional que debe ser guiada polo/a profesional responsable da intervención. A entrevista está estruturada segundo os resultados obtidos na parte autoinformada e ten como obxectivo proporcionar feedback sobre os resultados, favorecendo unha aproximación máis específica ás variables relevantes en cada caso e fomentando o compromiso do suxeito na consecución dos obxectivos.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: