Aproximación á abordaxe da delincuencia xuvenil na UNED de Pontevedra

O pasado 25 de setembro tivo lugar, no Centro Asociado da UNED en Pontevedra, o curso “Aproximación á abordaxe da delincuencia xuvenil”, destinado a profesionais interesados neste ámbito de intervención.
Xosé Antón Gómez Fraguela e Aarón Argudo Palacios, membros do grupo UNDERISK impartiron unha formación dun total de 8 horas facendo un percorrido polas bases do comportamento antisocial e pola resposta legal dada a este tipo de condutas, centradas na busca do Interese Superior do Menor. Ao longo da mañá fixeron fincapé nos principais factores de risco e protección, no modelo do Risco-Necesidade-Receptividade (RNR) como esquema para guiar a intervención e no protocolo VRAI como instrumento de valoración do risco.
Durante a sesión de tarde, de contido máis práctico, describíronse as principais técnicas condutuais que utilizan os profesionais do sector, con exemplos reais para facer máis enriquecedora a formación. Antes de concluír a xornada, expuxéronse casos prácticos onde o alumnado participou de forma activa propoñendo accións para desenvolver un Programa Individual de Execución de Medida, axustado ao modelo teórico RNR a partir dos datos do VRAI.