Análise dos efectos do confinamento en nenos/as galegos/as: Primeiros resultados do estudo CONFIA-20
O pasado 24 de Setembro publicouse na revista International Journal of Environmental Research and Public Health o artigo titulado “Avaliando os efectos do confinamento derivado da COVID-19 en nenos/as españois: O papel do distrés parental, os problemas emocionais e as prácticas parentais específicas”, dos autores Estrella Romero, Laura López-Romero, Beatriz Domínguez-Álvarez, Paula Villar e Xose Antón Gómez-Fraguela, todos eles membros do grupo UNDERISK.
Trátase do primeiro traballo derivado do estudo CONFIA-20 (Efectos do Confinamento na Familia e na Infancia), levado a cabo polo grupo UNDERISK en Abril de 2020, e no que participaron familias, na súa maioría galegas, que proporcionaron información sobre 1.123 nenos (49.6%) e nenas (50.4%), con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (idade media = 7.29).
No estudo recentemente publicado analizouse, en primeiro lugar, o efecto que a crise sanitaria en xeral, e o confinamento en particular, tivo nos nenos/as da mostra. Deste xeito, analizáronse indicadores tanto de axuste negativo (problemas de conduta, problemas emocionais e hiperactividade) coma de axuste positivo (mantemento de rutinas, implicación prosocial, mantemento de contactos con familia e amigos, reflexións sobre a sociedade). Os resultados amosaron que, en comparación coa situación previa á crise, a maioría de nenos/as participantes no estudo (en torno ao 60%) non amosaron cambios significativos a nivel condutual e emocional, ainda que, certamente, en torno ao 30-40% amosaron un incremento significativo en condutas problemáticas, problemas emocionais e hiperactividade. Como novidade neste traballo, observáronse tamén certas ganancias derivadas da situación crise, como unha maior implicación cos membros da familia á hora de compartir tarefas e actividades, un bo mantemento de rutinas, o desenvolvemento de visións máis maduras sobre a sociedade e un incremento no contacto con familiares e amigos non convivintes empregando, fundamentalmente, dispositivos electrónicos (por ex., videochamadas).
Sabedores da importancia que a familia ten no desenvolvemento infantil, así coma o seu papel clave na adaptación dos nenos/as a situacións novidosas e de risco, o estudo propúxose tamén analizar como o efecto da crise nas nais/pais, pode influír sobre os comportamentos observados nos nenos/as. Os resultados amosaron que, en efecto, o axuste infantil ten moito que ver coa adaptación dos pais/nais á crise. Así, observouse que un estado emocional negativo dos pais/nais ante a crise leva a experimentar máis estrés na práctica parental, e isto parece conducir a un aumento de dificultades emocionais e de conduta nos nenos/as. O estrés parental afectou tamén ao tipo de prácticas que os pais/nais desplegaron durante o confinamento, e estas prácticas teñen un impacto directo sobre o axuste condutual e socioemocional dos nenos/as. Nesta liña, os resultados amosaron que manter unha comunicación fluída e aberta co neno/a sobre a situación, estruturar o tempo e actividades do neno/a, e proporcionar afecto e confort emocional favorecían un maior axuste dos nenos/as, caracterizado pola redución nos problemas emocionais, o mantemento de rutinas, ou unha maior implicación familiar. Pola contra, as prácticas parentais de tipo evitativo, caracterizadas por evitar falar da situación actual, ou incluso ocultar a gravidade da mesma, parecen dificultar o axuste infantil.
En resumo, estes resultados amosaron que os efectos da crise da COVID-19 nos nenos/as estaban directamente relacionados cos efectos da mesma nos pais/nais. Deste xeito, a elaboración de prácticas preventivas dirixidas ao ámbito familiar constitúen unha vía útil e necesaria para reducir o impacto da crise nas familias en xeral, e os nenos/as en particular. Dende o grupo UNDERISK, mantémonos comprometidos con esta necesidade, e continuaremos traballando para poñer os coñecementos e ferramentas derivados da nosa investigación a disposición de toda a sociedade.