Novas

Análise dos efectos do confinamento en nenos/as galegos/as: novas aportacións dende o estudo CONFIA-20

Vén de ser publicado o segundo traballo derivado do estudo CONFIA-20 (Efectos do Confinamento na Familia e na Infancia), levado a cabo polo grupo UNDERISK en Abril de 2020, no que se contou coa participación de 1123 familias, na súa maioría galegas, que proporcionaron información relativa ao axuste condutual, emocional e psicosocial dos seus nenos/as, con idades de 3 a 12 anos, durante a fase aguda da primeira onda da pandemia en España.

O artigo en cuestión titúlase “Afrontamento dos nenos/as, risco contextual e a súa interacción durante a pandemia da COVID-19” e foi publicado na revista Frontiers in Psychology, como parte dun monográfico dirixido á comprensión dos efectos psicosociais, condutuais e interpersoais da crise.

Representa unha contribución novidosa e relevante, ao examinar, nestas condicións sen precedentes, o papel do afrontamento dos nenos/as, certas condicións contextuais únicas e o afrontamento das nais/pais, no axuste psicosocial dos pequenos/as. Neste traballo, non só se analizaron diversos indicadores de axuste infantil (e.g., mantemento de rutinas e lazos sociais, dificultades condutuais), senón que se adoptou, tamén, unha perspectiva evolutiva, considerando, por tanto, a idade dos nenos/as, como factor esencial para comprender as diferenzas potencialmente observables nestes procesos de adaptación.

Globalmente, os resultados amosaron: 1) diferencias no uso de certas estratexias de afrontamento en nenos/as de distintas idades, 2) unha asociación consistente entre o afrontamento de tipo evitativo e dificultades de tipo condutual e emocional, 3) un efecto moderador de certas variables maternas/paternas (e.g., medo ao futuro ou resiliencia) sobre o tipo de afrontamento do neno/a para predicir distintos resultados e 4) a existencia de efectos específicos para distintos grupos de idade.

As implicacións destes achados, dende un punto de vista preventivo, son notábeis. En primeiro lugar, poderían ser útiles para a identificación de risco individual (e.g., respostas de afrontamento potencialmente desadaptativas dos nenos/as e as nais/pais) e contextual (e.g., familias que perciben impacto da crise sobre o seu futuro como especialmente negativo). Ao mesmo tempo, poderían contribuír á definición e/ou adaptación de intervencións preventivas dirixidas a reducir o efecto de futuros gromos pandémicos en nenos/as de distintas idades. Calquera intento por realizar estas adaptacións, neste contexto tan específico, constituiría, dende logo, un poderoso e valioso servicio aos nenos/as e ás súas familias nos tempos que estamos a vivir.

Subscríbete ao Blog de Elisa

Se quere contactar con nos preme na seguinte ligazón: